18.12.09

Claves para entender o Sáhara Occidental

O Sáhara é unha antiga colonia de España - A única saída, pola normativa das Nacións Unidas, é a independencia do Sáhara Occidental - Estados Unidos xogou un importante papel ao apoiar a Marrocos na ocupación do Sáhara - Un muro de 2.000 km de longo divide o Sáhara en territorio marroquí e terras liberadas - En 2009, a Eurocámara expresou publicamente a súa preocupación polo estado dos Dereitos Humáns - Resolución 1495 da ONU - Tinduf (Arxelia) acolle a decenas de milleiros de refuxiados - A Liga Árabe, con Marrocos

Actualmente, e segundo a ONU, Sáhara Occidental "é un dos dezaseis territorios non autónomos baixo a supervisión do Comité de Descolonización das Nacións Unidas, coa fin de eliminar o colonialismo". A República Árabe Saharaui Democrática (RASD) está recoñecida pola Unión Africana e por outros 46 países no mundo -entre eles NON está Estados Unidos nin ningún estado membro da Unión Europea-. Por outra banda, 25 estados da Liga Árabe apoian as pretensións de Marrocos, aínda que ningún deles recoñece a anexión -como membros de Nacións Unidas-.

Un percorrido histórico rápido lévanos a 1884, á Conferencia de Berlín (coa que as potencias europeas resolveron repartirse África, colonialmente). Foi daquela cando España incorporou o Sáhara Occidental dentro das súas posesións. A mediados do século XX, coas descolonizacións, Marrocos indpendizouse e comezou a reclamar o Sáhara como parte dun "Gran Marrocos". Pouco despois, Mauritania, o veciño do sur, tamén puxo os seus ollos na, daquela, provincia española. En 1970, a primeira manifestación nacionalista en El Aaiún, liderada por Sidi Brahim Bassiri (Movimiento de Liberación de Saguia el Hamra y Río de Oro, 1968), acaba con 40 mortos e varios detidos. En 1973 nace o Frente Polisario (Frente Popular para la Liberación de Saguia el Hamra y Río de Oro), que comeza a loita armada contra a metrópole colonial. España prometía maior autonomía cun referendo para a primavera de 1975, mais Marrocos opúxose e a ONU mandou o caso ao Tribunal Internacional de Xustiza da Haia. En setembro de 1975, o tribunal fixo público o seu dictame, que onsideraba que o Sahara occidental, antes de 1884, non constituía "res nullius" -terra de ninguén-, senón que o habitaban poblacións que, aínda que nómadas, estaban social e politicamente organizadas. De Marrocos recoñecía a influencia sobre algunha tribo, mais non vía ningún vencello de soberanía.
Con este escenario, Hassan II, rei de Marrocos, organizou a chamada "Marcha Verde", coa intención de ocupar o Sáhara español, e en plena agonía de Franco. 350.000 civiles e 25.000 soldados alauís dirixironse á fronteira norte do Sáhara e militares españoles impediron a entrada con minas. Unha semana antes da morte de Franco, e coa presión dos feitos, España, Marrocos e Mauritania asinaron os Acordos de Madrid.

AS CHAVES
En realidade España quería asegurarse un referendo e buscar a postura pro-española do pobo saharaui. A medida que se foron precipitando os acontecementos, e, en vista de que a saída do referendo non tiña boa cor, o Estado Español foise aproximando a posturas marroquinas. O 14 de novembro de 1975, en plena agonía de Francisco Franco e coa presión da Marcha Verde, que seguía a avanzar, España, Marrocos e Mauritania asinaron os Acordos de Madrid, polos que o primeiro se comprometía a abandonar o Sáhara no seguinte febreiro e até daquela compartiría administración do territorio con Marrocos e Mauritania.
Isto foi o que asinaron. Mais o certo foi que Marrocos e Mauritania ocuparon por terra o Sáhara, as súas cidades, e os seus habitantes fuxiron cara ao deserto. Hoxe atopámolos en Tinduf (Arxelia). Calcúlase que alí viven en campamentos entre 90.000 e 150.000 refuxiados saharauis, moitos dos cales, levan alí trinta anos, e outros xa naceron e pasaron toda a súa vida alí.
o 10 de maio de 1973 se fundou o Frente Polisario (Frente Popular de Liberación de Saguía el Hamra y Río de Oro), herdeiro directo do Movemento para a liberación do Sáhara, liderado por Bassiri. Esta organización busca a independencia total do Sáhara Occidental. Comeza a súa loita coa guerrilla e consegue que Mauritania ceda o territorio que ocupa, mais Marrocos non o acepta e ocupa estas terras. É, precisamente, dende Tinduf onde o grupo se organiza. O 27 de febreiro de 1976 (un día despois do abandono das forzas españolas), Frente Polisario declara o nacemento da RASD (República Árabe Saharaui Democrática). Hoxe non ocupa más que certos territorios do interior, no deserto. Marrocos construíu o muro da vergonza máis grande dos nosos tempos (máis de 2000 quilómetros, liña grosa marrón do mapa) para separar os territorios ocupados das terras que defende o Polisario.
As Nacions Unidas crearon a MINURSO (Mission des Nations Unies pour l'Organisation d'un Référendum au Sahara Occidental) en 1991. A súa misión de pacificación é a de observar o alto o fogo e tratar de organizar, cando sexa posible, un referendo para que o pobo saharaui decida o seu futuro (alternativas: Independencia / Pertenza a Marrocos). Debido as dificultades, aínda non se celebrou dito referendo nin está previsto que se celebre a curto prazo. É por isto que en 2003 aparece a Resolución 1495 da ONU, pola que insiste en seguir ocupándose da cuestión do Sáhara e confiando na libre determinación do seu pobo.
Os Estados Unidos de América sempre amosaron a súa predilección pola postura marroquina. O seu papel non semella central pero si foi e vén sendo moi importante. En novembro de 2009, Hillary Clinton asegurou que o seu país seguiría na misma liña que até o de agora, é dicir, defender a autonomía do Sáhara Occidental, mais dentro da soberanía de Marrocos. A pesar disto, EE.UU. exclúe, explicitamente, dos seus acordos de comercio, o Sáhara.
Hai que destacar que o país ocupado posúe unhas grandes minas de fosfatos, unhas das máis grandes do mundo, posiblemente o maior, do que se desprenden intereses económicos de todo o mundo. Tamén se atoparon inxentes bolsas de petróleo que son administradas por empresas estranxeiras no territorio ocupado por Marrocos. Outra grande riqueza do Sáhara Occidental é a que constitúen os seus ricos bancos de pesca.
Tamén foi, e é salientable o papel xogado por Arxelia neste conflito. Desde os primeiros intres, apoiaron a causa saharaui. É na súa provincia fronteiriza onde se establecen os campamentos de refuxiados fuxidos das cidades de Sáhara. A cuestión que abren desde as Nacións Unidas é a dos Dereitos Humáns. Para a ONU é difícil saber se alí -en terra de ninguén, case- se respectan e identificar aos seus posibles violadores. Por non saber, nin se coñece o número exacto de refuxiados que alí moran. As diferentes estimacións oscilan entre 90.000 e 150.000 persoas; e os máis novos xa son de terceira xeración.

CONCLUSIÓNS
Así, chegamos a actualidade con un panorama que non nos deixa ver unha solución a curto prazo. Marrocos continúa a mandar colonos para tratar de asegurarse un resultado favorable no caso dun eventual referendo -que, tarde ou cedo, debería chegar- e boa parte da poboación autóctona vive nos campos de refuxiados de Tinduf, en Arxelia. Con vistas ao referendo, quíxose, en máis dunha ocasión, contabilizar un censo de saharauis, mais a natureza nómada deste pobo dificultou esa tarefa. Na época da colonia española, os rexistros cifraron en 74.000 o número de saharauis e en 20.000 o de españois. O último dato, do The World Factbook da CIA, fálanos de preto de 300.000 habitantes do Sáhara. Mais, o número de marroquinos aumenta e é posible que a cifra de colonos e de oriundos estea practicamente igualada ou moi equilibrada. Aínda así, tamén hai que ter en conta que os censos que tentou levar a cabo a MINURSO buscaban aos pertencentes aos censos españois, os seus descendentes ou quen puidera demostrar algo do anterior.
O Polisario atópase en alto o fogo dende 2005, mais Marrocos segue a ocupar o Sáhara e os refuxiados continúan en Tinduf. A ONU insiste na necesidade de cumplir as máis de cen resolucións que aprobou respecto a este conflito. Preto de unha centuria de estados recoñeceron xa a RASD -aínda que ningún deles é de Norteamérica ou a Unión Europea-. Todo semella favorable á autodeterminación do Sáhara Occidental, só falta a decisión dalgúns, entre eles España, quen, aínda que só sexa pola Historia, ten un papel importante nas súas mans.

3 comentários:

Unknown disse...

Muy interesante. Anque o vivin hay moitas cousas que descoñecia

Unknown disse...

Muy interesante. Anque o vivin hay moitas cousas que descoñecia

marcosbm disse...

Unha boa descripción da situación e da sua historia, sen tomar partido por ningunha das partes.
Bo traballo