16.12.09

Triste reflexión sobre o xornalismo

Sempre pensei que había que ser alguén especial para guiar os pasos propios pola profesión xornalística, que había que ter un extra, un algo máis, para saber ser un bo xornalista. Mais co paso do tempo, o meu pensar vai mudando, e a peor, e ao meu pesar.
Hoxe sucedeume algo que pensei que só sucedía en películas americanas. Hoxe vin como xornalistas como podo ser eu, que poden ser veciños vosos, e que conducen os seus coches polas vosas rúas, traspasaban a liña que arrodea a ética desta profesión e convertírona nunha romaría. De que sirven os comúns deontolóxicos que todos compartimos e aceptamos?
Ben certo é que ante don diñeiro e ante un xefe, todos temos que responder, e quen diga o contrario seguramente minta ou non teña moito coñecemento de causa. Mais, os xornalistas traballan de xeito maiormente autónomo: eles teñen os seus contactos, as súas fontes, as súas informacións... Todo eso pasa antes polas súas mans antes que polas do xefe. Acaso necesitan quedar ben ante os ollos de alguén? Reafirmarse?
Por favor, non convirtamos o suposto "4º poder" da democracia nunha feira -con todos os meus respectos-. Se actuamos así, corremos o risco de acabar con todo o que hoxe, non só nos dá de comer, senón que tamén nos dá liberdade.
O que pasou hoxe, concretamente, e sen entrar en detalles, foi que un medio non respectou, á mantenta, unha fonte e unha información embargada, a diferencia de outros medios (todos os demais), que si o fixeron. Talvez sexa a miña falta -grave- de experiencia profesional, mais isto asustoume (se isto pasa así, con este tema, nunha cidade como esta, que pasará con outras circunstancias). Asegúrovolo.

Sem comentários: