1.12.08

Noxo politicamente correcto

Máis dun cuarto de século despois da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galiza e da Lei de Normalización Lingüística, os resultados desexados aínda están lonxe de ser tal. Mais o que si mudou dende aquela é o consenso social en relación ao coidado e a restitución do respecto perdido para a lingua galega, e en consecuencia, para os seus falantes.

Estamos a presenciar un afianzamento das diferenzas entre as partes opostas. Os defensores do galego piden unha cada vez maior protección da lingua, e os castelán falantes de Galiza refuxianse no seu dereito a expresárense na súa lingua materna. E os posicionamentos semella que se alonxan cada vez máis, polarizando coa súa teima, nun futuro hipotético, a sociedade galega.

Partamos dun común denominador (considéroo así pola unanimidade que o entronou no Parlamento galego). O preámbulo da Lei de Normalización Lingüística de 1983 fai claras alusións á necesidade que vemos de que a lingua galega sexa protexida, aínda que só sexa para inverter o proceso de substitución, de desaparición, de ruptura xeracional, de inferioridade social e todo o que vostedes queiran engadir.

Se todos aceptamos o anterior como básico hei de supór que tamén aceptamos algún tipo de conducta ou actividade para poñelo en práctica; pola gracia de Touriño non será, digo eu... O decreto do galego no ensino, a lingua da administración, a toponimia e a creación da CRTVG son algúns dos intentos de facer algo con esas ideas cheas de boa intención. E até aquí foi todo relativamente ben, paseniño, mais ben.

O problema aparece nestes últimos anos, xa comezado o novo século XXI. Seguido o exemplo da Catalunya, formáronse en Galiza grupos que se auto califican de bilingües e que defenden o dereito a que cada un viva na lingua que queira. na miña opinión, tras o adxectivo de bilingüe acóchase un certo odio, cando non noxo, cada a lingua galega e os seus falantes. Refírome a Galicia Bilingüe ou a Mesa por la Libertad Lingüística.

¿É infundada a miña acusación? Creo que non. Na miña opinión, unha defensa do bilingüismo non se manifestaría na petición de ensinanza en español, no manifiesto por la lengua común, etc. O galego recibiría unha defensa semellante. Sen embargo, lonxe diso, os seus defensores son atacados machaconamente, tanto desde esas asociacións cidadás, como desde os medios de comunicación que parece que as apoian, como a COPE ou LibertadDigital.

Ben certo é, como din, que o gran prexudicado nesta pelexa é o galego. Que me perdoe o galego por defendelo. Que sería del se ninguén o defendese? Sería máis falado e con menos prexuizos sociais?

Sem comentários: