Crise, crise e máis crise. Ultimamente parece non haber parada co tema. Todo cheira a crise. A crise económica estase a converter na crise das crises -aínda que semelle un trabalinguas-. O debate entre a opinión pública española e galega está ou parece estar máis conxelado que nunca nos últimos tempos. Agora non lembro cando foi a última vez que vin unha acalorada discusión sobre nacionalismo sí ou nacionalismo non, sobre se un líder é mellor que outro, ou de se todo é culpa de Zapatero...
As novas máis comentadas en medios de comunicación teñen a ver coa economía esfondada da que parecemos pequenos parasitos absolutamente dependentes e condenados a seguir o mesmo camiño de penuria por buracos negros a velocidade de hadrón acelerado... Coma se fose a fin do mundo. Parece que os medios non veñen máis que vender negrura e desesperación, case crónica e sen cura, mortal e sen máis acougo.
I é que a globalización -non pode ser- vai conseguindo un dos meus peores pesadelos: a uniformización e atordoamento dos pensamentos humanos. Ás veces creo que as persoas do noso tempo deixaron de pensar e reflexionar en verbas e letras para facéreno en números de contas correntes, de tipos de interese e cambio, etc. Vexo a todos coa cabeza semi inclinada cara adiante, cara abaixo, con face que parece indicar unha absoluta falta de interese por todo o que non sexa seguir exactamente igual que agora.
Aquí e agora demóstrannos que o poder económico é o único e os demáis son dependentes ou lacaios del. O poder político sucumbe a maior velocidade que o económico se cadra, e os cambios que nel se producen e se producirán son derivados do económico e/ou tratando de levar control da situación, máis que nada para non seren arrastrados pola corrente, digo eu...
Mais tamén pode darse que todo sexa ficticio, como a meirande parte da economía, en moitas ocasións, e que o poder resida realmente nas persoas. Ao cabo a economía non é máis que un invento humano, como a guerra, na que o cantidade de loitadores non era condición decisiva, mais si relevante. Os sistemas non se fundamentan no éter, e por moi antidemocráticos que poidan ser -eso non o vou discutir agora- NÓS temos a derradeira palabra.
A conto desto, estes días lin unha nova cando menos curiosa. Un xoven catalán conseguiu estafar case medio millón de euros a bancos privados para demostrar a debilidade do sistema que lles dá cabida. Despois, financiou un xornal de edición única para dar a coñecer a súa "fazaña". En certa maneira, no máis profundo de nós -eu polo menos-, adicámoslle uns parabéns. E digo eu, no improbábel caso de que todos ou case todos actuasemos do mesmo xeito ca el... que pasaría co súper sistema? Pois que seguramente iría ao carallo. E se non, podedes escoitar as palabras do chamado Robin Bank.
O mundo non deixa de xirar porque a economía estea deprimida, como tampouco o fai porque eu ou un señor de Burgos teña depresión igualmente. Para iso, no peor dos casos sempre lles queda o famoso Prozac. Eses si que fan o agosto económico en pleno setembro.
Sem comentários:
Enviar um comentário