Despois de dous ou tres meses para acó, foron moitas as cousas que mudaron na política galega. E a pesar da crise económica, un dos temas estrela non foi outro que a Política Lingüística e a normalización da lingua galega. Seguramente, unha cousa que teñamos moi clara despois destas semanas é que isto non vai quedar como unha materia de segunda categoría na política e na sociedade da nosa terra, senón todo o contrario.
Onde nos poderíamos remontar para comprender o asunto que temos agora entre mans? Non me considero eu apta para explicar agora mesmo, nunha entrada de blog, toda a Historia Social da Lingua Galega, e tampouco creo que sexa preciso. Simplemente podemos cinguirnos ao último ano, no que se afianzaron movementos sociais que non están moi de acordo co proceso normalizador da lingua galega. Isto crea un "choque", pois xa contábamos en Galiza con movementos que defendían a normalización da "lingua propia de Galicia".
O movemento contrario á normalización non é orixinal de Galiza nin novo. Seguramente sexa un ideal calcado e trasladado como tal dende Catalunya a Galiza. E nin a realidade é a mesma, nin a solución pode ser igual.
Se partimos do coñecemento común, temos que en Galiza fálanse dúas linguas, as dúas cooficias -e por cooficial entendo que teñen ou deberían ter o mesmo status e dereitos para os seus falantes-. Por outro lado temos a defensa apaixonada do bilingüísmo como saída; e o bilingüísmo como tal, nunha persoa, practicamente non existe: só existen persoas que falan unha cousa e persoas que falan outra cousa. Tendo en conta isto, estaríamos a falar dun conflito social, no que un grupo, identiticado cunha lingua, busca manter os seus dereitos derivados da súa lingua, e o outro grupo, o mesmo. Ou parecido, xa que nin na teoría nin na práctica son iguais, socialmente.
Despois da ditadura de Franco, pasamos a transición á democracia a través de moitos procesos: A Constitución, o Estado das Autonomías... E en Galiza, obviamente o Estatuto de autonomía é un fito. Mais non é o único. Pouco despois, chegamos -POR UNANIMIDADE- á Lei de normalización Lingüística -lei da que piden a súa derogación algúns grupos que se autodenominan defensores da liberdade e da democracia-. A Lei de Normalización Lingüística viña a devolverlle ó galego unha pouca de honra, diante dos seus falantes e dos que non o eran. Tanto o PP -AP- como os nacionalistas, tanto galego falantes como castelán falantes, tanto novos e vellos... todos estiveron dacordo coa nova lei que buscaba protexer e promocionar a lingua galega.
Anos máis tarde, no final da era Fraga, aprobouse o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega -tamén por UNANIMIDADE-, e só despois, e como consecuencia inmediata disto, o seguinte goberno bipartido preparou e puxo en marcha o chamado "Decreto do Galego no Ensino", que establecía a cota de 50% de asignaturas en galego
Alén disto, a Lei de Normalización lingüística establece:
"Artigo 14
1. A lingua galega é materia de estudio obrigatorio en tódolos niveis educativos non universitarios.
Garantirase o uso efectivo deste dereito en tódolos centros públicos e privados.
2. O Goberno Galego regulamentará as circunstancias excepcionais en que un alumno pode ser dispensado do estudio obrigatorio da lingua galega. Ningún alumno poderá ser dispensado desta obriga se tivera cursado sen interrupción os seus estudios en Galicia.
3. As autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantirán que ó remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán. "
Así que hai que construír algún sistema que facilite que os alumnos e as alumnas teñan unha capacidade paralela en ambos os dous idiomas. Como se fai iso? Non creo que se acade limitando ao galego á súa parcela, como asignatura, na que o seu ensino convírtese nalgo moi próximo ao dunha lingua estranxeira.
A mesma Lei de Normalización (alén do sentido común, que xa sei que é o menos común dos sentidos) advertía de que non se debían separas aos e ás estudantes en grupos segundo a súa lingua (non á disgregación lingüística). Talvez naquel tempo a moitos que pareceu de perogrullo esta sentencia, mais hoxe vemos que non estaba tan fóra de lugar. Non tiñamos xa superados os síntomas de racismo doutras épocas máis doorosas de lembrar? Semella que non...
Agora preséntasenos unha nova encrucillada, e no futuro un interrogante sobre o tema. Semella que se vai abrir unha nova era para a Política Lingüística en Galiza. As promesas do novo presidente, Alberto Núñez Feijoo parecían non ser moi esperanzadoras para o galego mais non serei eu quen xulgue antes de existir delito. Esperarei a ver como sigue o tema, mais sen retractarme de nada do que dixen.
Con Liberdade i Esperanza.
Sem comentários:
Enviar um comentário