O Goberno socialista de Zapatero comezou forte o seu andar no ámbito de política exterior cando decidiu retirar as tropas españolas de territorio iraquí. Isto fora unha das promesas electorais do Partido Socialista durante a campaña para as eleccións xerais de 2004, marcada polos atentados do 11 de marzo en Madrid. Rodríguez Zapatero ordenou a retirada das tropas "en consonancia cos postulados da ONU", que se situou en contra do conflito e non o amparaba.
España apoiara, durante o Goberno de José María Aznar, a guerra de Irak, xunto a Estados Unidos e o Reino Unido, principalmente; co que foi a famosa foto das Azores, para derrocar a ditadura de Sadam Hussein. Este grupo contaba coa firme oposición de Francia e Alemaña, que apoiaron as resolucións de Nacións Unidas, que non vían conveniente unha intervención militar no país do Golfo Pérsico.
Cando o Partido Socialista chegou ao poder, o novo presidente, José Luís Rodríguez Zapatero, xunto ao novo ministro de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, decidiu ordenar a volta das tropas que o Exército español tiña en Irak. Este feito supuxo un alonxamento de España cara aos Estados Unidos en política exterior, e un achegamento ao eixo franco-alemán.
Aínda así, España confirmou o seu apoio á reconstrución do país iraquí, sempre baixo o auspicio da ONU, sen contradicir a legalidade internacional. É por isto que, nunha comparecencia ante as Nacións Unidas, o presidente Zapatero propón a súa coñecida "Alianza das Civilizacións", que consistiría nun achegamento entre o mundo occidental e o mundo árabe musulmán, para dar unha saída dialogada ao problema que supón o terrorismo integrista islamista. España recibe o apoio de Turquía e uns vinte países europeos e da Liga Árabe. Así mesmo nos días posteriores recibiu apoio desde a secretaria de Estado de EE. UU. Condoleezza Rice.
Nesta liña, o Goberno socialista seguiu a súa política de achegamento e diálogo con países "en vías de desenvolvemento". Cuba, Venezuela ou Bolivia pasaron a ser primeira liña de relacións de España no plano internacional, a pesar do descontento de Estados Unidos. Tamén dentro da idea de manter relacións internacionais de modo equilibrado e que iberoamérica constitúa o ámbito natural para España en términos de política exterior.
Trala enfermidade de Fidel Castro, máximo mandatario cubano, as autoridades sanitarias españolas colaboraron ofrecendo material e expertos sanitarios para o tratamento e coidado do "comandante". Ademais, o ministro de Asuntos Exteriores e cooperación, Miguel Ángel Moratinos, visitou o país caribeño no que supuxo o inicio dunha nova era nas relacións entre Cuba e España, que se atopaban nun estado de "stand-by" tralo goberno de Aznar e o Partido Popular.
Un dos maiores apoios para o réxime castrista supono Hugo Chávez dende a outra beira do mar Caribe, dende Venezuela -agora "República Bolivariana"-. Rodríguez Zapatero relanzou tamén as relacións con este país hispano, na liña do seu achegamento a Iberoamérica, en oposición ao que fixera José María Aznar dende o goberno do Partido Popular. A polémica desta nova amizade apareceu trala venda de armamento desde España ao país presidido polo controvertido Hugo Chávez. Este feito fixo máis febles aínda as xa de seu fráxiles relacións do goberno socialista de España cos Estados Unidos, quen se amosou contrario á venda. É por iso que os compoñentes tecnolóxicos procedentes do país norteamericano tiveron que ser substituídos por outros, doutras orixes.
Seguindo a senda norteamericana, o seguinte elo desta cadea constitúeo Bolivia con Evo Morales á súa cabeza. Pouco despois da elección do indíxena como presidente do país -o que significaba que o primeiro indio accedía á presidencia-, España amosou o seu interese por estreitar relacións e coñecer un pouco máis do novedoso proxecto de Morais. O indíxena pasou á polémica internacional tras dar a coñecer o proceso de nacionalización dos pozos petrolíferos de Bolivia, o que supuña un prexuízo contra as compañías petrolíferas, entre elas, a española Repsol-IPF.
En consonancia coa "Alianza das Civilizacións" que propoñía na ONU, Rodríguez Zapatero reuniuse co rei de Marruecos, Mohamed VI, no que supuxo o inicio dunha nova etapa nas relacións entre ambos países veciños. Esta foi a primeira visita do novo presidente español ao estranxeiro. Na súa reunión, o xefe do executivo do estado español e o rei do país alauí non chegaron a acordos concretos, pero si se puxeron no camiño para tratar de dar solución ao problema da inmigración ilegal -que non paraba de chegar a España-, de axuda e cooperación ao desenvolvemento económico de Marruecos e o reseñable acordo de loitar contra o terrorismo de orixe islamista.
As relacións co estado magrebí non estaban de todo ben, sobre todo trala confrontación polo illote de Perejil uns anos atrás, que crispara en sobremanera as relacións entre ambos países. Tamén estaría sempre omnipresente a reivindicación de Marruecos sobre Ceuta e Melilla. Aínda que dous problemas importantes que parecían ver solución nesta viaxe de Zapatero eran o deixamento dos alauís co tema da inmigración, xa que Marruecos era un "coadeiro" -de facto- de toda África, e o do terrorismo islamista, porque nese país se reclutaban moitos posibles terroristas.
O Sahara tamén entra na axenda española con Marruecos. Logo da retirada desordenada de España daqueles territorios, trala "marcha verde", fai máis de trinta anos, o país segue baixo a ocupación de Marruecos e a guerra xa se estende case vinte anos. As promesas de convocar un referendo de autodeterminación para os saharaui seguen sen tomar forma. España apoia a independencia da súa antiga colonia, como a ONU, pero a efectividad dese apoio disólvese e o Sahara continúa vivindo en campos de refuxiados en inhóspitos pedregais de Arxelia. Malia as decisións internacionais, Marruecos non pensa na retirada.
En relación ao anterior, o seguinte problema a escala mundial que afectou a España foi a chegada masiva de inmigrantes africanos sobre todo ás costas das Illas Canarias. No verán de 2006, unha avalancha de "cayucos", cargados de inmigrantes subsaharianos, chegaba en gran número até as praias do arquipélago. As críticas comezaron a arreciar contra o goberno socialista polo seu suposto erro, pois meses antes regularizara a situación de máis de medio millón de traballadores estranxeiros, o que para moitos, significara un "efecto chamada" cara ao sur. Ese "efecto chamada" sería o responsable en gran parte da enorme cantidade de persoas que arribaban de forma masiva e ilegal ás costas canarias.
España recibiu un toque de atención dende a Unión Europea, que non vira con bos ollos o proceso de regularización masiva de inmigrantes, porque podería significar ese temido "efecto chamada" que parece que se confirmou despois. Con todo, algúns países da UE acordaron patrullar o territorio marítimo español en Canarias xunto á propia España para evitar a chegada masiva.
A Unión Europea tamén foi protagonista en términos de política internacional en España tralo tratado polo que se constituía unha Constitución para Europa. Este tratado preconstitucional foi asinado polos presidentes dos países que integran a UE en 2004, e desde entón fóronse celebrando referendos sobre a súa aceptación nos diferentes estados. A quenda de España chegou en 2005. O resultado foi SI á Constitución, aínda que cunha participación moi baixa, o que amosa o desinterese dos cidadáns españois cara a asuntos paneuropeos.
En plano de relacións europeas, a era do goberno socialista quedou marcada pola polémica xerada tralo caso Endesa. A OPA da alemaba E-On sobre a elétrica española xerou algún que outro rozamento entre a nación xermana e España. O goberno do PSOE interviu nas operacións económicas intentando favorecer os intereses da española Gas Natural, que fora a primeira en lanzar unha OPA sobre Endesa. Con todo, o goberno foi acusado de intervencionista e de trabar as leis de libre competencia. Foi por isto polo que Alemania chegou a manifestar que interviría a favor de E-On se España seguía "danando a libre competencia".
Esta intervención española sobre o proceso tamén foi criticado desde as institucións europeas. A Comisión Europea acusou a España de obstaculizar a OPA da alemna sobre Endesa, e pediu explicacións a Madrid. O temor de Zapatero era perder autonomía no campo enerxético, e se finalmente triunfaba a oferta de Gas Natural, a compañía continuaría sendo española.
Outro tema histórico para España que tivo ocasión de ser tratado nesta lexislatura foi Gibraltar. A finais de 2006, celebrouse un Foro tripartito integrado por España, Gibraltar e Reino Unido, no que se acordou unha maior comunicación entre as partes implicadas. Moratinos afirmaba, nunha roda de prensa en Córdoba, que se escribiu unha "nova páxina" nas relacións entre o disputado Peñón e o resto da Península.
Actualmente, España mantén a súa posición de apoiar o "multilateralismo eficaz", en palabras do ministro de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, con base nas Nacións Unidas. A través da ONU, España traballa pola paz en dezaseis operacións. Entre elas están as coñecidas de Afganistán e Kosovo, de vixilancia e reconstrución.
As relacións con Estados Unidos están nun punto mellor que cando o Goberno decidiu retirar as súas tropas de Irak. Isto é así, en boa medida, grazas á intervención do Rei, e ao cese do cruzamento de declaracións.
Sem comentários:
Enviar um comentário