11.10.06

Vaga de lumes en Galiza

Viñamos tendo un verán tranquilo...

Todo comezou un 4 de agosto deste 2006. Un inmenso incendio en Cerecedo, Pontevedra, levábase a vida de duas galegas que viaxaban nun turismo pola estrada. A vía xa fora cortada mais as mulleres incorporáronse dende outra secundaria, da que os efectivos de tráfico non desuniran a tempo.

Naquela fin de semana, comezaron a producirse lumes un tras doutro até cercaren as cidades de Vigo e Pontevedra. Os oriundos viron como en Vigo non saía o Sol en todo ese tempo... Viaxar pola autoestrada entre Santiago e a cidade olíbica era unha auténtica ousadía -cando non estaba pechada ao tráfico, directamente-.

Nas seguintes xornadas, durante case dúas semanas, os galegos viron perigar incluso a vida propria. Primeiro berraban "Por Dios, facede algo que nos arden as casas!", e logo pasaban a "Déixade as casas que aló arriba están os nosos rapaces!". O lume arrodeaba os fogares, sen opción; a xente afogaba, non vía polo fume... Non había medios abondo para atender a toda a demanda que xeraba a catástrofe... Quilómetros e quilómetros, ferrados e ferrados arrasados... e aínda non temos respostas...

A Xunta de Galicia non actuou ben -tal e como dixo o Partido Popular- xa que iniciou a campaña máis tarde do debido. Pero tamén é verdade que a primeiros de xullo o dispositivo xa estaba ao cen por cen. E non podemos esquencer que a crise escomenzou aló polo 4 de agosto.

A Xunta de Galicia non tiña medios abondos para atallar ben a situación. Pero como ben dixo Anxo Quintana, vicepresidente galego e líder do Bloque Nacionalista Galego, "estamos preparados para incendios, non pra unha guerra"...

A Xunta de Galicia puxo unha normativa de recrutamento de brigadistas que foi duramente criticado. A língua galega era un dos puntais desas críticas. Antes de nada gustaríame falar clariño e dicir que me parece incríble que sexa máis importante unha lei que o perigo que estaba a correr a poboación. Seica eran máis culpables os governantes que os propios criminais que prenderon o lume aos nosos montes? Case que semellaba... En segundo lugar, a situación actual non era pior que a da era Fraga. Creouse a nova Conselleria de Medio Rural, que se encargaría dos incendios forestais. Non se botou a todo "quisque" á rúa, de feito ofreceuse a renovación a toda a cúpula directiva destes efectivos. O que non a acetou os seus motivos tería, digo eu. Tamén se criticou -fora de serie, inda colea- a obriga do galego para os brigadistas. Non é de todo certo. O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, esplicou que o operativo antiincendios atendía a catro modalidades de recursos humáns: Na primeira entraban todas as brigadas fixas, nas que continuaban os mesmos efectivos que en anos anteriores, polo que non esiste discusión posible; na segunda, atopamos ao persoal fixo discontinuo, que está na mesma situación que o primeiro punto; a terceira modalidade é a das brigadas temporais, na que a escolma de persoal lévase a bo porto con decreto xeral e listas, i é eiquí onde se pode esixir a lingua galega, inda que os "afectados" son unha proporción moi pequena; en cuarto e último lugar, temos ás brigadas municipais, polo que a captación de xente lévase a cabo por convenio marco entre FEGAMP e Consellería, e no que nen tan sequera esiste a famosa cláusula.

Con respeto a esto último podemos engadir algo máis. As oposicións soen ter un temario coñecido, público, para todos igual. O que non o estudia, sabe ben cales poden ser as consecuencias. O certificado de lingua galega dano nos institutos. Non costa nada achegarse alí a recollelo. éste é un problema de simple vagancia...

Tiñamos, ademáis, o problema de varios concellos governados polo PP que denunciaban que a consellería lles negara o dereito a brigada propia, a pesar de seren os que máis hectáreas forestais posuían no seu termo municipal. Lembráronse de recordalo cando menos falla facía, cando máis tiñan que pór os seus esforzos en prol do país. Ao remate saíu o pastel. Nun documento interno, o Partido Popular "recomendaba" aos seus alcaldes retrasar o máis posilble asinar o convenio... : "
(...) Polo tanto, se propón a seguinte estratexia, baseada na dilación
pero non na negativa:
1º) Baixo ningún concepto un Concello debe aprobar o
Convenio sen ter antes o seu texto íntegro; polo tanto, mentras
non o envien (xa lles foi reclamado por carta) non se debe facer
nada
2º)Ademáis (e isto é moi importante) a Comisión Executiva
da FEGAMP acordou o 12 de Xuño solicitar unha xuntanza con
Medio Rural para clarexar determiñados aspectos do Convenio;
esta reunión parece ser que se vai celebrar o día 27 de Xuño, e
ata entón, polo tanto, ningún concello debería tomar ningunha
decisión.
3ª) Non se poden, en ningún caso, admitir as presas e os
plazos a modo de ultimatum que está dando a Consellería; hai
que recordarlles que levan un mes de retarso nos trámites, e que un
Concello ten os seus procedementos e tamén está sometido ó
cumprimento dunha serie de fases antes de tomar calquer acordo.
4º)Por último, unha vez que se aprobe o Convenio no
Concello, haberá que ser “especialmente celosos” no
cumprimento da legalidade á hora de seleccionar ó persoal:.(...).
"


Finalmente parece que arderon arredor de 80.000 Ha de terreo forestal. Moitos concellos situados arredor do eixo Atlántico Santiago-Pontevedra-Vigo perderon máis da metade do seu monte. Importantísimo, sen palabras, ademáis, que catro galegos morreran por culpa da traxedia.

Despois de todo, non sei como os políticos seguen a ter gañas de guerrear. Comisión de estudo ou de investigación? Touriño di que coa comisión de estudo chegarase a unha visión máis clara do ocorrido e poderemos pór as bases para que isto fique no recordo e non volva repetirse. Feijoo defende que a comisión de investigación ten que buscar responsabilidades e chegar a relevos nas consellerías se fose necesario. Quizais un híbrido estaría millor. Os galegos queremos saber que foi o que ocorreu, que non se volva a repetir, e se hai culpables, que haxa xustiza.

Mentres, a vida segue. En Galiza chove -furacán incluído- e témese -xa comezou a pasar- que as cinsas e o chan queimado corran polas pendentes pola corrente da auga e que cheguen ás rías e ao mar... Terrible -de novo- para a nosa riqueza mariña, os nosos mariscos, as nosas rías...

O que queremos todos os galegos e galegas queremos é que se nos mostren os culpables, os asasinos do noso monte, os que cheos de odio queimaron os nosos corazóns. Porque non vale que collan a tres vellos, un pipioliño ou un par de tolos. De verdade cren que todo isto foi obra desa xente?

Sem comentários: