10.12.06

"De Miroslav a Roy". Síntese dun trauma colectivo

Foi un fatídico 14 de maio, cando A Coruña voaba nunha nube de ledicia. Respirábase dozura por todas as rúas e xa nos viamos campións... Aquel día abondábanos un gol pra encher de gloria os nosos corazóns futboleiros. Pero non contamos con que non eramos os únicos, nin no campo nin na liga. González, gardamallas do Valencia, parou o penalti e quedamos coas penas e non coas glorias. Djuckic non tivo a culpa, pero quedou o seu nome gravado a lume no noso recordo.

Anos atrás ninguén pdería imaxinar un éxito tan enorme. Dende o gol de Stojadinovic o Dépor comezou a súa andaina en Primeira. A tempada de ascenso foi como podiamos agardar: difícil. Pero a partires de aí a cousa cambeou. Chegaron Bebeto e Mauro Silva, que se sumaron aos xóves Fran en Xosé Ramón. E naceu o famoso "Súper Dépor"...

"Pasado o tempo veredes ese segundo posto e recordarédelo con agarimo...", consolaban algunhas voces. Pero non. O deportivismo padecía unha especie de trauma colectivo que o levaba a lembrar e relembrar o fatídico "penalti de Djuckic". Hobo anos bos, houbo anos non tan bos...

Ese trauma colectivo que invadía á Coruña dende maio do 94 non fixo máis que dar ás a Lendoiro. Comezou a "sangría" da billeteira e non dubidou en mover o que fose necesario pra... o que todos tiñamos en mente: recuperar o que considerabamos lexitimamente noso, a nosa liga. Chegaron xogadores, adestradores, tempadas, grandes encontros... e os títulos.

No 1995 a Copa do Rei encheu de vida e cor ás rúas da Coruña, Galiza e cáseque boa parte de España, que se aledou con nós. Pero seguía a mancarnos esa espiña na ialma. E pasaron máis meses, máis xogadores, máis partidos, bos e malos. Xogadores como Rivaldo -quen o diría, a posteriori-, Naybet, Martins, Scaloni, Turu Flores, Molina, Roy Makaay... encheron de ilusións as bancadas de Riazor aos poucos.

Por fin, en 1999, o equipo asentou unha racha histórica, e fundamental pra o que viña enriba. Oito victorias consecutivas e semellabanos que ninguén sería capás de deter ao noso novo Dépor. Tiñamos, cando as cousas non ían de todo ben, o que moitos chamaron e chaman "a sorte dos campións". E abofé, iso non devía ser mal sinal, non...

O 19 de maio do 2000, por fin, nada podía fallar. Persoalmente recordo todo o que fixen todo aquel día. Supoño que todos os que gardan a data no corazón, tamén. Recordo unha xornada cuasi festiva, o máis semellante á véspera de vacacións. O rival: Espanyol. O obxectivo: marcar. Dous goles, Donato e Makaay, lévaronnos ao delirio colectivo... e a dous días de festa continuada -pra algúns...-.

Despois daquela -infindamente- máxica tempada inda a vida nos gardaba un tempiño de boa folganza, na que chegamos a semifinais da Copa de Europa, derrotamos ao Bayern no Olímpico de Münch, remontamos un 4-1 ao Milán cun 4-0 en Riazor... Pero todo ten o seu fin. Foi quizáis, esa saída de mal xeito, nas semifinais do gran torneo europeo, cun rival que non agardabamos, xusto despois da euforia da gran remontada, o que nos precipitou nunha caída sen freos.

...

I é momento de facer balanzo. ¿En qué momento estamos?¿Que pasa coa débeda do clube?¿Pode ser que Lendoiro non soupese parar a tempo, con tal de calmar ese trauma colectivo, no cal tamén estaba el mesmo?¿Onde estaba a raia?¿É momento dun relevo na dirección do clube?¿Que nos agarda?

Agora vexo os partidos do "Baby Depor". Non me parece que o estan a facer mal, pese aos últimos resultados. Gustoume o comezo de liga. Sei que non son as estrelas mundiais do fútbol. Sei o papel do novo Dépor nestes momentos que nos tocan vivir. E crédme se digo que "menos mal"... Ogallá que sexa o berce dalgo novo e tan bo como o que levamos no recordo.

1 comentário:

Silvio Falcón disse...

Queremos novo post! Queremos novo post!