19.11.06

Arredor da lingua

Cando falamos de lingua galega adoitamos lembrar o noso lar, a nosa familia, a nosa aldea, a nosa xente… É pensando en todo iso polo que xuntamos as nosas forzas na defensa e fomento da lingua galega, da súa diñificación e da súa valorización. Non é o galego un idioma especialmente desmillorado ou en grave risco. As cifras de falantes son certamente acougantes. Fálase de dous tercios de galego falantes sobre o total de Galiza. Isto sitúa ao galego como única lingua de zonas bilíngües de España que vive unha situación máis favorable respecto do castelán.

Pero iso non é sinónimo de boa saúde. A diglosia causa estragos no uso da lingua. O galego sae das cidades é reclúese no ámbito rural. É, cicais, a ruralidade de Galiza, o que garante a supervivencia do galego polo de agora. Pero, é só polo de agora? Que pasará cando “o progreso” chegue a Galiza –que chegará- e o rural perda gran poboación en favor das urbes?

A diglosia dase en territorios bilíngües, nos que unha lingua propia dun país, normalmente maioritaria, é relegada por outra lingua que chega de fora nun nivel de privilexio e cultura. Esta segunda lingua que ven de fóra é empregada pola clase dirixente e adoptada por clases altas, marxinando á autóctona a niveis locais, familiares ou de folklore. Isto non é unha situación de bilingüismo harmónico, como dixo Fraga no seu momento. Galiza é un claro exemplo de diglosia. E os galegos temos o deber e a responsabilidade de combatila para acadar a igualdade coa lingua imposta.

Non é xusto recibir criticas por “impór” a lingua no seu propio berce cando non é de todo atinado. Para escomezar, porque é imposible impór algo que xa estaba aí, per sécula seculorum, dende os séculos VIII-IX, nos que se comeza a falar dos romances latinos. Os galeguistas loitamos por esa igualdade ideal, na que o falante escolla de facto a lingua que millor lle veña. Cremos na liberdade do individuo, e por suposto na dos galegos. E lonxe do que poidan dicir os nosos detractores, con perdón da verba, iso é precisamente o que lles vimos a ofrecer.

Somos conscientes de que o equilingüismo ou bilingüismo harmónico é unha situación lingüistica case utópica. Pero non perdemos as espranzas e ante todo, Galiza merece ser galega. Temos a seguranza de que unha situación de plena igualdade garantiría a supervivencia do galego, e non só iso, tamén o seu desenvolvemento a todos os niveis e un posible novo esplendor. E todo iso non faría máis que redundar positivamente no país.

A educación segue a ser unha pedra de toque. A situación de teórico 50% de materias impartidas en cada linga non deixa de ser teórico. A asignatura de lingua galega non está ao mesmo nivel que a lingua castelá, moito máis instructiva e esixente. Os mestres teñen unha mentalidade culta... e castelá. Hai materia prima, moi boa. Se a maioría da poboación é galego-falante, os mestres teñen que entrar nesas cantidades. Os mestres tamén precisan dunha “reeducación” dos seus métodos, xa que por moi galego falantes que sexan, as súas ferramentas docentes non deixan de ser castelás. Así, a pesares de que os cativos entren en galego, sairán en castelán en boa parte... ou non sairán. Eís unha boa parte do fracaso escolar na Galiza.

A escea mediática é outro campo que precisa grande esforzo e traballo. Os medios de comunicación chegados dende Madrid inundan as pantallas, os altofalantes ou os quioscos. A Radio Televisión de Galicia, medio dos galegos, pagado polos galegos, non deixa de ser unha postaliña en comparanza con outros medios de outras comunidades dentro da mesma España. A lingua converteuse nun aspecto económico máis. E nun aspecto negativo... Canto máis poidan simplificar o proceso de producción, menos gastos, máis beneficio.

Pero nós non cremos nas linguas como partidas de orzamentos, senón en valor en si mesmo; é dicir, non nas linguas como medios senón como fins en si mesmos. Como as persoas. Como os falantes que a fixeron nacer e a manteñen viva ao cabo. E cremos na igualdade de persoas e de linguas.

Eu só quero para a xente que quero o millor. Teño un recordo agradábel da miña infancia. Gustaríame compartilo cos meus fillos e fillas, se é que os teño nun futuro. Quero que eles lembren con agarimo os seus anos nenos cando sexan maiores. E os fillos dos meus fillos, e os seus fillos... E como din filósofos e psicólogos, a persoa só pode coñecer o camiño á felicidade coñecéndose a si mesmo, respeitándose e queréndose. Velaí un paso importantísimo. Velaí o meu camiño. O camiño que me trouxo ata aquí.


Saúdos, saúde e Galiza ceibe de complexos.

Sem comentários: